Aparecen daquela as decoracións chamadas chinoisseries, que non eran máis ca temas europeos baseados en modelos chineses da porcelana, e realizados por persoas con poucos coñecementos da arte oriental. Así, en Inglaterra xorden temas resultantes da mestura de temas orientais e occidentais, con paisaxes fantásticas orientalizantes, por un lado, e por outro, con flores soas ou grupos de flores e aves. Ambos comezan a empregarse en Sargadelos desde os anos cincuenta do s. XIX, e son copias e adaptacións dos modelos ingleses do período temperán do flow blue (entre 1830 e 1869), con zul cobalto intenso imitando modelos de Cantón e Nanking.
A serie está constituída por elementos tales como pagodes, figuriñas de chineses, salgueiros, rochas e nenúfares, xunto con elementos occidentais como volutas e rocallas, que por presentar unha composición similar se van agrupar baixo a denominación de Stafforshire Blue.
Sargadelos copia estes modelos, como tamén o fai a española de S. Juan de Aznalfarache. En Sargadelos hai polo menos unha vintena destas paisaxes fantásticas unificadas por ter uns elementos vexetais e arquitectónicos comúns en todas elas, organizados á volta dun río en zigzag, sobre o que navega algún tipo de embarcación; as figuras humanas teñen o mesmo protagonismo que calquera outro elemento da paisaxe. Para a mesma vaixela adoitábase empregar diferentes temas principais pero sempre a mesma orla, que sería a que proporcionase unidadde ao conxunto. Neste caso, a orla é con relevos de tipo vexetal estilizados e repasados a pincel.
