Amosando publicacións coa etiqueta Pato. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Pato. Amosar todas as publicacións

21 setembro 2024

Chus Pato gaña o Premio Nacional de Poesía por 'Sonora'


 Esfórzome por recordar un soño

a pedra comida polo sal, pola friúra

é inverno
ou ben son as augas torrenciais dos equinoccios

ou mellor a luz é reflectida pola pedra
o soño, espello (ría)

na xuntura das lousas
vertixinosa

no beiril, batida (ninguén podería vivir aquí)
Resistencia
igual que resisten as palabras

unha flor
unha flor imposíbel
un níscaro
mariño

un relato nupcial
de amor
de intercambio
unha transferencia

mercurio, azougue, algo relacionado coa luz
coas metamorfoses do espírito
cobre diluído
disolución
espello e brasa

atopo a palabra “solimán” nos escritos de Kratevas
na versión que de Kratevas me fai chegar Antonio
Gamoneda

ecos
nos adros
o poder benéfico do fungo
(obsesión polo mar, pola perda)

fragmentos de Ingeborg
a canción que se pronuncia
quen pronuncia a canción, sen comprender
as palabras, o significado?
marco nesa lingua que descoñezo a pulsión
—quero ser xinete
imán

—non podería precisar se busco a definición canónica
da metáfora
ou se xa aquí, neste fragmento, reflexiono ou non sobre
a metáfora
sobre un novo concepto de metáfora que non podo aceptar
a respecto da linguaxe poética

natureza, esta, a única que podo recoñecer

o desexo, o escritorio de castiñeiro
a herdanza do pai
Mefisto fronte á herdanza paterna
cápsula nupcial
son eu quen se desposa
imposíbel flor mariña
fóra da perpetuación

o meu tránsito no frío.

22 setembro 2017

Poema de Chus Pato

 Auga-planeta-mundo: soidade viva e as quebras.

Cando homes do norte cos seus cascos de corza boreal
Barca
Barca de Pedra
Barca-Pedra-Corazón, azul, gris, profunda
cara a nomes que non coñeces
levados
traídos, na forza do idioma.

Corazón
no éter.