Amosando publicacións coa etiqueta Curros. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Curros. Amosar todas as publicacións

01 maio 2023

Curros Enríquez: O maio

Aí vén o maio
de flores cuberto ...

Puxéronse á porta
cantándome os nenos;
e os puchos furados
pra min estendendo,
pedíronme crocas
dos meus castiñeiros.

Pasai, rapaciños,
calados e quedos;
que o que é polo de hoxe
que darvos non teño.
Eu sonvos o pobre
do pobo gallego:
pra min non hai maio,
pra min sempre é inverno! 

Cando eu me atopare
de donos liberto
e o pan non me quiten
trabucos e préstamos,
e como os do abade
florezan meus eidos,
chegado habrá estonces
o maio que eu quero.

Queredes castañas
dos meus castiñeiros? 


Cantádeme un maio
sen bruxas nin demos;
un maio sen segas,
usuras nin preitos,
sen quintas, nin portas,
nin foros, nin cregos.

08 xaneiro 2022

Curros Enríquez: Unha noite na eira do trigo

 CANTIGA

No xardín unha noite sentada
ao reflexo do branco luar,
unha nena choraba sen trégolas
os desdéns dun ingrato galán.
E a coitada entre queixas dicía:
“Xa no mundo non teño a ninguén,
vou morrer e non ven os meus ollos
os olliños do meu doce ben”.
Os seus ecos de melancolía
camiñaban na alas do vento,
e o lamento repetía:
“Vou morrer e non ven o meu ben!”

Lonxe dela, de pé sobre a popa
dun aleive negreiro vapor,
emigrado, camiño de América
vai o pobre, infeliz amador.
E ao mirar as xentís anduriñas
cara á terra que deixa cruzar:
“Quen puidera dar volta -pensaba-,
quen puidera convosco voar!…”
Mais as aves e o buque fuxían
sen ouvir seus amargos lamentos;
soio os ventos repetían:
“Quen puidera convosco voar!”

Noites claras, de aromas e lúa,
desde entón que tristeza en vós hai
prós que viron chorar unha nena,
prós que viron un barco marchar!…
Dun amor celestial, verdadeiro,
quedou soio, de bágoas a proba,
unha cova nun outeiro
e un cadáver no fondo do mar.

30 xaneiro 2015

Os Curros

 Non se sabe moito da que foi muller de Curros Enríquez, Modesta Vázquez Rodríguez (case sempre se ignora), natural da Pobra de Sanabria e filla dun maxistrado da Audiencia de Madrid. Curros casa con ela o 18 de agosto de 1877 en Madrid. Na fotografía, levemente mellorada ou recuperada como tal, está ela cos fillos de ambos Adelardo, Leopoldo e Sofía.