23 abril 2026
17 maio 2025
16 abril 2025
Casamento de Pedro e Muño
O 16 de abril de1061 ten lugar o primeiro matrimonio entre dous homes do que temos noticia. Foi no concello de Rairiz de Veiga, e os dous homes que protagonizaron este primeiro matrimonio homosexual rexistrado en Galiza e un dos primeiros de Europa chamábanse Pedro Díaz e Muño Vandilaz.
O documento histórico da acta que recolle este feito atopouse no Tombo do Mosteiro de Celanova, o cal foi expoliado, como a maioría dos centros de documentación medieval do reino de Galiza, e actualmente está depositado no Archivo Histórico Nacional de Madrid.
O documento detalla unha unión que, con palabras de hoxe, “podemos considerar un verdadeiro matrimonio entre persoas do mesmo sexo”, explica Callón, engadindo que Pedro e Munio estipulan no documento a coidanza e goberno conxunto do fogar, o reparto da comida, bebida e roupa, así como a obrigatoriedade de manteren as mesmas amizades e inimizades, nunha convivencia “todos os días e todas as noites, para sempre”. Dispuxeron tamén que o sobrevivente herdaría os bens do outro. A súa unión tiña, daquela, os mesmos efectos xurídicos, domésticos e afectivos que un matrimonio heterosexual da época.
O caso foi estudado polo miúdo polo profesor Carlos Callón no seu libro Vidas e historias LGBT da Idade Media (Xerais, 2025, xa na segunda edición), onde destaca a relevancia deste documento non só como curiosidade histórica, senón como proba da diversidade de modelos homoafectivos existentes ao longo do tempo, mesmo en contextos que se imaxinan como singularmente hostís como a Idade Media. O autor chama a atención para a necesidade de “lembrarmos e reivindicarmos esta historia, e dármoslle o lugar que merece na nosa memoria colectiva; recuperarmos as existencia de Pedro e Munio é un acto de verdade histórica mais, tamén, unha ferramenta para construírmos un presente máis xusto, en especial nestes momentos en que a intolerancia gaña de novo peso e forza no mundo todo”.
